INTERVENCIÓNS ARQUEOLÓXICAS

As intervencións arqueolóxicas no Castro de Saa, dirixidas por Emilio Ramil González (Axa Arqueoloxía), dividíronse en dúas zonas de escavación diferenciadas. A primeira, situáda ao oeste, foi intervida durante tres campañas consecutivas entre os anos 2016 e 2018. Recuperáronse 11 metros de paramento interior da muralla defensiva, cunha anchura de 2,90 metros e unha altura de 2 metros. Sacouse á luz unha vivenda galaico-romana dunha única estancia, con esquinas redondeadas polo exterior e en ángulo recto por dentro. Ademais desta estrutura, apareceron outras dúas estruturas de esquinas en ángulo, máis posiblemente dunha etapa anterior, ó atoparse destruídas polas novas construcións. Especialmente interesante resulta o complexo sistema de canalización da auga que atravesa toda a escavación, rompendo unha das estruturas e cunha saída por debaixo da muralla defensiva.
A segunda zona, situada na entrada do castro, atópase en proceso de intervención dende o ano 2019, contando xa con tres campañas de escavación arqueolóxica.
Recuperáronse mais de 10 metros de paramento interno da muralla defensiva. Adosada á mesma desenterrouse unha vivenda galaico-romana de tres estancias diferenciadas, unha habitacional, unha segunda alongada con función vestibular e unha terceira con función de cociña. Pola parte exterior á construcción atopáronse varios muros anteriores rotos pola nova construcción, asi como un empedrado de época castrexa. Ademais, desenterrouse unha nova estrutura, cunha planta aínda por definir, que semella circular ou ovalada, aínda que de grandes dimensións e posible época castrexa.



1º Intervención

A primeira intervención arqueolóxica no Castro de Saa, levouse a cabo no ano 2016. A corporación municipal, con D.Primitivo Iglesias Sierra ao frente, decidiu poñer en valor o castro. Así, levouse a cabo unha tarefa de limpeza de todo o xacemento.

Posteriormente, realizáronse 4 sondaxes arqueolóxicas, para valorar o estado de conservación e dicidir a zona de intervención. A sondaxe número 3, situáda ao oeste do castro, foi a que deu mellores resultados, ao atopar a esquiña dunha posible vivenda.

Decídese realizar, a partir desta sondaxe, unha escavación en área. A intervención tivo unha duración de un mes, e permitiu exhumar unha vivenda galaico-romana completa. Consiste nunha construcción rectángular de esquiñas redondeadas polo exterior e facendo ángulo recto polo interior. Os muros de cachotería construidos por superposición de fiadas horizontáis, facendo a ligazón das pedras con argamasa amarela, presentando tanto a cara interior como a exterior, os paramentos, ben rematados. Conservan os muros entre 8-11 fiadas de mampostería.

Documéntanse dous pavimentos no interior da vivenda superpostos, o primeiro de argamasa amarela, moi compacto, con abundantes restos de carbóns e numerosos anacos cerámicos. O segundo pavimento, consecuencia do incendio e da reforma da vivenda é de cor roxizo, e presenta tamén restos de carbóns e abundante cerámica. Documéntase unha lareira formada por unha gran lousa.

Atópase tamén parte dunha construcción, dous muros que continúan baixo os perfís sur e leste, anterior á habitación galaico-romana, probablemente da primeira ocupación da croa do castro.


2º Intervención

A segunda intervención realizouse no ano 2017. Amplíase a zona escavada no ano 2016 cunha amplitude de 50 metros cadrados.

Continúa a escavación de dous muros dunha habitación de esquiñas en ángulo recto, cuia exhumación inicióuse na campaña anterior. Consta de dous muros que fan ángulo recto tanto no interior como no exterior; a súa construcción con superposición de pedras de gran tamaño, de cachoteria irregular é diferente da Estructura 1, habitación galaico-romana exhumada na campaña do ano 2.016. O muro oeste, está cortado a 1, 15 m. do ángulo recto pola canle de auga.

Exhúmase ao longo da superficie escavada unha canle de auga en dirección leste-oeste, que continua baixo o perfil oeste e próximo á muralla, baixo o perfil norte. É unha estructura complexa, delimitada no sector leste, moi próximo á muralla, por dous muros, norte e sur, de cachotería, por superposición de ata 5 fiadas conservadas, colocadas a oso; a parede norte complétase con grandes laxas de cuarcita fincadas verticalmente, adosadas ao muro norte de cachoteria reforzando o aillamento que evita a perda de auga da canle. Neste sector leste conservanse ata 4 m. de canle, dirección leste-oeste.

Escavase tamén parte dunha construcción de planta circular que continua baixo o perfil sur. Exhúmase aproximadamente a metada da construcción que consiste nunha zanxa semicircular cuberta de pedras fincadas ao longo da zanxa, pedras de mediano e e gran tamaño, que delimitan o espazo interior. Apréciase un pavimento de arxila amarela compactado con pedra miuda e mediana, dándolle unha consistencia e grosor de 10-12 cm. Ao norte, no exterior da zanxa, conservase parte dun pavimento de arxila amarela con pedra, continuación do interior da construcción.

Por último exhúmanse 4 metros de muralla defensiva, dirección norte-sur, cunha anchura de 2, 90 mts., apreciados no perfil sur, e 2 mts no perfil norte. A altura escavada é de 1, 50 mts. Construida en cachoteria de fiadas horizontais por superposición de pedras de diferente tamaño, pequenas, medianas e grandes, resultando un paramento interior irregular. As pedras están colocadas a oso. Non se escava o paramento exterior, pero documentase o interior do elemento defensivo, que consiste nun recheo de pedra pequena e mediana con terra. O ancho escavado varía entre 2-2, 90 mts, entre os perfís norte e sur.


3º Intervención

A terceira intervención arqueolóxica tivo lugar no ano 2018, e consistiu nunha ampliación da zona previamente intervida. Foi a última escavación neste sector do castro.

Decidíuse ampliar en nos catro perfís, cunha superficie de 100 metros cadrados. Como resultado, amplíase a estructura circular a base de pedras fincadas, mostrando unha planta finalmente ovalada. Así mesmo amplíase a canle de auga que transcorre ó longo de toda a área de intervención, aínda que se atopa desaparecida en algún punto coincidinte cun potente derrube.

Exhumase, na entrada da vivenda galaico-romana, dous buratos de poste, complementados cunha sucesión de pedras fincadas actuando como drenaxe, para evitar a entrada de auga, e revelando unha función vestibular deste espacio exterior.

Escávanse 7 metros de muralla defensiva, completando un total de 11 metros escavados. Sácase á luz, un sistema de chanzos, consistente en grandes pedras imbrincadas na muralla para acceder á parte superior.

Por último, localízase un muro baixo un dos perfis finais da intervención.


4º Intervención

No ano 2019, decídese intervir en dous zonas do castro diferentes aos anos anteriores. Escávase na croa ou parte superior, xa que se teñen referencias por prospección dun posible pozo ou alxibe. Ademais, escávase na entrada do castro coa intención de desenterrar o paramento interior da muralla.

Na primeira zona, exhúmanse tres alxibes ou tanques para a recollida da auga con tres muros que delimitaban os mesmos. Unha vez rematada a intervención, tápase de novo para conservar adecuadamente os restos estructurais.

Na segunda zona, na entrada do castro, exhúmase o paramento interior da muralla, construido con
cachoteria de fiadas horizontais, con pedras de diferente tamaño, resultando un aparello irregular.

Ademais atópase unha vivenda galaico-romana. Cinco muros dunha construcción da que se exhuman parcialmente dúas habitacións, con muro medianeiro e porta ou vano de acceso á Habitación 1, soleira e chanzo de escada para acceder ao interior. A Habitación 1, da que se recuperan parcialmente dous muros(muro 1 dirección N-S, e muro 2 dirección L-O) e a porta, así como o muro medianeiro(muro 3, dirección N-S), está adosada á muralla. A Habitación 2, separada polo muro medianeiro, localizase no extremo norte da escavación, a continuación do vano, exhumándose parcialmente dous muros(muro 3, medianeiro, dirección N-S, e muro 4 dirección L-O) que continúan baixo os perfís norte e sur.

Sácase á luz un pavimento localizado no interior da habitación 1, está feito con arxila amarela moi compacta e limpa, extendéndose pola habitación, roto hacia a zona central, afectándolle o potente derrube procedente dos muros.

Por último desentérrase un parte dun muro roto pola vivenda galaico-romana.


5º Intervención

A quinta intervención fíxose no ano 2020, ampliouse a zona de escavación comezada no ano 2019 na entrada do castro. A superficie intervida foi de 80 metros cuadrados.

Sacáronse á luz 6 metros de muralla, escavando sempre o paramento interior, non o exterior.

Continuouse escavando a vivenda galaico-romana, entre a campaña de escavación do ano 2019 e a actual exhúmanse oito muros dunha vivenda definida estructuralmente por tres habitacións, con muros medianeiros e catro portas ou vanos de acceso entre estancias, soleira, chanzo de escada para acceder ao interior, pavimentos das habitacións e lareira.

Queda por escavar parte da vivenda, pero xa se pode apreciar que conta con tres estancias, ademais, a anchura dos muros fai supoñer que contaba cun piso superior.

Na primeira e segunda estancia escavadas case totalmente detéctanse pavimentos interiores de arxila moi compacta.

Detéctase así mesmo un empedrado no exterior da Habitación 3. Construido con pedra local, anfibolita e lousa de diferentes tamaños, pequena, media e grande.

Na estancia todavía en proceso de escavación desentérrase unha lareira construida con pedra e ladrillo romano. É difícil definir unha planta polo seu estado de conservación, semella rectángular definida pola colocación de pedras delimitando un espazo con base de ladrillo romano.


6º Intervención

A sexta foi a última campaña de intervención realizada ata o de agora. Levouse a cabo no ano 2021 na zona intervida os dous anos anteriores e permitíu desenterrar completamente a vivenda galaico-romana de tres estancias.

Rematouse a escavación da terceira estancia, e, atopouse que era de planta cadrada polo exterior, pero presenta unha reforma interior facendo circular unha das esquinas, e estaría adicada á función de cociña. Foi nesta terceira estancia onde se atoparon un gran número de materiais ergolóxicos que deixan constancia da súa utilización. No centro da estancia se atoparon restos dunha lareira, con restos de queimado, moito carbón, restos de arxela pertencentes á parrilla e unha clara delimitación en pedra, ademais, se atoparon tres muíños circulares e moito material cerámico. A reforma interior tería a función de crear un espazo de reunión dentro da propia estancia.

Polo exterior, esta vivenda está rompendo varios muros pertencentes a construcións de épocas anteriores, plenamente castrexas. De época castrexa tamén, se sacou á luz un empedrado exterior de pedra miúda.


Especialmente interesante é o achádego dunha nova estrutura, cunha planta aínda por definir, que semella circular ou ovalada, aínda que de grandes dimensións. Desaparecida pola parte inferior e construída directamente sobre a rocha, presenta un pavimento interior de arxela amarela moi compacta, e se atopa rota pola vivenda galaico-romana de tres estancias, polo que sería dunha época anterior.


Consolidación e Restauración

O proceso de consolidación e restauración das estructuras foi unha constante durante todas as campañas de intervención arqueolóxica.

Toda estructura muraria escavada someteuse a este proceso para protexela de agresións externas e das inclemencias do tempo. Unha vez escavad a estructura, límpase deixándoa totalmente libre de terra. A continuación se levantan varias fiadas utilizando a mesma pedra sacada no derrube durante a escavación. Esta lígase con argamasa, unha mezcla de cal, area e auga, para que sexa revertible e non dane a estructura orixinal. Entre a última fiada da estructura orixinal e a primera da consolidación ponse un anaco de material moderno, ladrillo por exemplo, para que se vexa onde comeza esta consolidación.


Materias Arqueolóxicos

As escavacións arqueolóxicas realizadas no Castro de Saa foron especialmente prolíficas en materias ergolóxicos, chegando a atopar mais de 3.000 pezas cerámicas nunha soa intervención. Segundo a
natureza e funcionalidade dos diferentes materiais recollidos, foi posible establecer a seguinte clasificación:

  • Material cerámico de uso doméstico (cerámica de cociña, de mesa, almacenaxe, transporte e de uso en tarefas artesáns)
  • Material cerámico de construción
  • Material lítico
  • Material metálico
  • Material vítreo
  • Material óseo (óseo e malacofauna).


O material ergolóxico reviste gran importancia para a clasificación e investigación das estruturas, así como da época ou momento cultural das mesmas. Permite establecer unha cronoloxía do castro e asignar
funcións concretas ás diferentes estancias ou construcións. No Castro de Saa atopamos gran cantidade de época castrexa, sen embargo, a progresiva asimilación da cultura galaico-romana vai tornando os
materiais e os procesos produtivos. Así, a maior cantidade de material arqueolóxico atopado é de época plenamente galaico-romana, é dicir, a partir do século I d.C.

gl_ES